A renovación do transporte público impulsada pola Xunta blindará o futuro do sector en Galicia ao garantir un negocio de 120 millóns de euros ao ano e máis de 3.000 postos de traballo  

  • A Xunta achegará 73 millóns de euros ao ano para garantir o funcionamento de 3.123 liñas de autobús durante a vindeira década

  • O traballo de campo e a participación pública serviu para deseñar un novo mapa de transporte público que multiplica a cobertura dos servizos e sitúa o 97% da poboación a menos de 1 quilómetro dunha parada de autobús

  • Estenderanse a toda Galicia as vantaxes do Transporte Metropolitano e da Tarxeta Xente nova coa que os menores de 21 anos viaxarán gratis no autobús interurbano

Silleda, 22 de novembro de 2019.-  A renovación do Plan de transporte público que está a impulsar a Xunta permitirá blindar o futuro do sector en Galicia ao asegurar un volume de negocio de case 120 millóns de euros ao ano e máis de 3.000 postos de traballo directos. Así o expuxo o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, esta mañá, durante a presentación na feira Expobus do Plan de transporte público de Galicia, que a Xunta culminará en 2020.

Maestro pronunciou unha potencia no marco das xornadas técnicas sobre ‘Transporte de longo percorrido’ que se celebran dentro de Expobus. Na súa intervención explicou que a Xunta está a traballar para renovar integralmente os servizos regulares de autobús interurbano da Comunidade para darlle cumprimento ao establecido na lexislación europea.

Segundo salientou, o obxectivo fixado pola Administración autonómica é aproveitar esta oportunidade para artellar un sistema de transporte público máis sostible e eficiente, con capacidade de responder de forma axeitada ás necesidades da Galicia actual.

En concreto, búscase facilitar a mobilidade das persoas, potenciando o uso do transporte público e facilitando a intermodalidade e a accesibilidade; e, ao mesmo tempo, garantir e mellorar as condicións de traballo no sector, así como a formación dos profesionais.

Para renovar o transporte público, a Xunta realizou un inxente traballo de campo, analizando as necesidades de mobilidade do conxunto territorial galego, e incentivou a participación social a través de dous procesos de información pública.

Eses labores serviron de base para o deseño dun novo mapa de transporte público que duplica a cobertura dos servizos de autobús e sitúan o 97% da poboación galega a menos de 1 quilómetro dunha parada de transporte público.

Para aumentar a eficiencia apóstase por dúas novas modalidades, que consisten no aproveitamento das prazas baleiras do transporte escolar para o transporte público do conxunto da poboación, o chamado “bus compartido”, ademais da implementación de servizos de transporte baixo demanda. Estes dous sistemas están a funcionar desde 2017 en parte de Galicia, rexistrando un importante éxito de acollida.

Está previsto, así mesmo, estender ao conxunto de Galicia, e desta forma chegar ao rural, as vantaxes do Transporte Metropolitano que xa desfrutan 5 áreas urbanas galegas, así como a tarxeta Xente Nova coa que actualmente, os mozos menores de 19 anos viaxan gratis en autobús e que a partir do 1 de xaneiro se estenderá ata os menores de 21.

O director xeral de Mobilidade detallou que o Plan estase a desenvolver por fases, de forma que actualmente están xa adxudicados practicamente todos os contratos da primeira, que se porán en servizo en xaneiro.

Antes de que remate o ano terá lugar a licitación dos lotes de contratos da segunda fase, co obxectivo de que se poñan en servizo a mediados de ano.

En total, adxudicaranse 128 contratos de transporte público cuxo volume de negocio acada case 120 millóns de euros, dos cales 73 millóns serán achegados pola Administración autonómica.

Eses contratos servirán de soporte de 3.123 liñas de transporte público que percorrerán 60,7 millóns de quilómetros ao ano, empregando case 1.900 autobuses, asegurando o traballo de a lo menos 1,922 condutores e de 1.260 acompañantes escolares.